(Se liga aí, que o texto é escrito em galego): Este inédito e posible caso separatista en Bolivia contextualízase dentro dun específico escenario xeopolítico rexional. Ademais do apoio venezolano a Evo Morales, resulta obvio que EEUU e Brasil (Caramba! Esse galego ou tá vendo pelo em casca de ovo, ou tá de pegadinha, sô!) posúen fortes intereses enerxéticos e políticos en Bolivia, polo que unha hipotética secesión de Santa Cruz abriría un novo actor xeopolítico territorial. (O presidente do Tribunal Electoral de Santa Cruz, Mario Orlando Parada, mostra unha papeleta tipo para o referendo autonomista (Uai! Digam lá, galegos do meu Brasil, se esta imagem não vos inspiram inabalável crença nas boas intenções dos separatistas? Credo!!!).
Secesión en Bolivia?
Roberto Mansilla (Xornal, 24/04/2008)
A piques de celebrarse un referendo autonomista na rexión centro-occidental de Santa Cruz, previsto para o próximo 4 de maio, o escenario boliviano está retomando un elevado nivel de polarización que pode derivar en confrontación violenta no caso de certificarse de facto unha separación territorial.
Esta semana, durante unha reunión en Caracas dos países membros do ALBA, o presidente venezolano Hugo Chávez, o seu homólogo nicaragüense Daniel Ortega e o vicepresidente cubano Carlos Lage, amosaron o seu total respaldo ao mandatario boliviano Evo Morales, ao “rexeitar os plans de desestabilización que buscan vulnerar a paz e a unidade de Bolivia”, afirmando unha posición unánime de “non recoñecer ningunha figura xurídica que pretenda desprenderse do Estado nacional boliviano”.
Para certificar ata qué punto a crise boliviana traspasa as súas fronteiras, a OEA pediu activar un diálogo inmediato entre as forzas políticas, principalmente o gobernante Movemento ao Socialismo (MAS) e o opositor Poder Democrático e Social (PODEMOS), que apoia o referendo en Santa Cruz. Sen obviar a lexítima aspiración autonomista de Santa Cruz, o relator dos pobos indíxenas na ONU, Rodolfo Stavenhagen, amosou a súa preocupación no caso de que esta autonomía vulnere os dereitos humanos dos pobos indíxenas.
Paralelamente, un cumio de intelectuais provenientes de EEUU, Europa e América Latina asinaron na capital boliviana, La Paz, un documento de apoio ao goberno de Morales e contra “as manobras secesionistas da oligarquía boliviana”.
Bolivia en dúas metades
A radicalización do escenario boliviano era un diagnóstico anticipado dende hai varios meses. Desde xullo de 2006, cando nun referendo non vinculante os departamentos occidentais de Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija aprobaron a súa autonomía, vense librando un duro pulso político e territorial co goberno central.
A riqueza destes catro departamentos plásmase na súa concentración de aproximadamente o 60% dos recursos de hidrocarburos, gas natural, hidroeléctricos e agricultura nacionais.
A polémica aprobación do novo texto constitucional a mediados de 2007 por parte do gobernante MAS e diversos movementos indíxenas e de esquerda estivo precedido por fortes actos de violencia nas rúas e unha aguda polarización política a nivel nacional. Tanto PODEMOS como as autoridades dos departamentos separatistas acusaron a Morales de aprobar o texto constitucional “a porta pechada” e “ás agachadas”.
En decembro pasado, estes departamentos presentaron os seus respectivos estatutos autonomistas, especialmente centrados en materias como a administración impositiva, o control dos recursos naturais e territoriais e a xestión educativa e de seguridade.
Nese momento, o goberno de Morales replicou cun recorte a estes departamentos dos ingresos por hidrocarburos. Se ben en xaneiro pasado, Morales e os líderes opositores aprobaron reiniciar o diálogo sobre a nova Constitución, o desafío autonomista seguiu cobrando forma. En marzo, e ante a inminencia do referendo separatista, Morales anunciou precisamente para o próximo 4 de maio a celebración do referendo sobre o novo texto constitucional.
Non obstante, este anuncio estivo precedido por fortes enfrontamentos nas proximidades do Congreso entre oficialistas e opositores, ante a negativa de diversos simpatizantes do MAS de deixar entrar aos deputados de PODEMOS e outros partidos ao hemiciclo. A oposición acusou a Morales de materializar un “golpe de Estado”.
Sexa finalmente un fait accompli separatista, a posible certificación dun Santa Cruz independente do goberno central inserta a crise boliviana dentro dun contexto marcadamente rexional, á espera de saber qué gobernos recoñecerían ou non a lexitimidade deste referendo.
Un Cosova nos Andes?
Este inédito e posible caso separatista en Bolivia contextualízase dentro dun específico escenario xeopolítico rexional. Ademais do apoio venezolano a Evo Morales, resulta obvio que EEUU e Brasil posúen fortes intereses enerxéticos e políticos en Bolivia, polo que unha hipotética secesión de Santa Cruz abriría un novo actor xeopolítico territorial.
Durante a crise entre Colombia, Venezuela e Ecuador provocada polo asasinato do líder das FARC, Raúl Reyes, o ex presidente cubano Fidel Castro advertiu dunha posible “gran traxedia latinoamericana” pola “ameaza de desintegración real de Bolivia”. Durante o cumio do ALBA en Caracas, Chávez retomou o testemuño de Fidel acusando a Washington de estar detrás do referendo cruceño e de “golpear a Bolivia, o corazón xeopolítico sudamericano”.
Chávez declarou que Washington propicia “unha cosovización de Bolivia” afirmando que non era casual que o embaixador estadounidense en Bolivia, Philip Goldberg, anteriormente estivera prestando servizos diplomáticos en Bosnia e Cosova.
Pola súa banda, Brasil, que depende nun 60% do subministro de gas natural de Bolivia, principalmente da rexión cruceña, observa con suma preocupación os acontecementos bolivianos. Ademais dos seus recentes e moi publicitados descubrimentos petrolíferos na conca atlántica, a estatal brasileira PETROBRAS acaba de anunciar un acordo coas multinacionais Shell e Suez Energy para completar a súa demanda interna de gas natural e diminuír a súa excesiva dependencia boliviana.
Neste contexto rexional, o recente triunfo do esquerdista Fernando Lugo en Paraguai e a súa posible inclinación cara o ALBA alteraría ese equilibrio estratéxico que, principalmente dende Washington, tenta consolidarse na rexión sudamericana. Con apetecibles recursos hidroeléctricos, Paraguai alberga unha base militar estadounidense desde 2004 cunha finalidade que semella asegurar un punto estratéxico de acción ante posibles crises rexionais, como é o caso boliviano.
Ante a celebración do referendo en Santa Cruz, os eixes rexionais semellan constituídos en torno a actores polarizados, como EEUU e Venezuela, ante a expectante actuación da diplomacia brasileira como factor mediador.
Mentres Caracas concentra o seu total apoio a Evo Morales, co beneplácito de Ecuador, Cuba, Nicaragua e, posiblemente, do novo presidente paraguaio, dende Washington tentarán concentrar o seu eixe en torno a países como Colombia, Perú, Chile, Arxentina e Brasil. Coa crise en curso, os actuais gobernos dos países veciños de Bolivia, tales como Perú, Arxentina, Paraguai, Brasil e Chile, amosan un prudente silencio ante a posible secesión de Santa Cruz e a expansión rexional da crise boliviana.
Así, a máis que probable vitoria autonomista no referendo do próximo 4 de maio, ao igual que o probable triunfo de Morales na consulta constitucional, non só acelerará unha fragmentación política e territorial xa considerada de facto senón que consolidará un estado de inestabilidade aparentemente incontrolable, colocando a Bolivia no epicentro de próximos conflitos na área andina e sudamericana.
Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi
Fonte: Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)
Nenhum comentário:
Postar um comentário